A construción da Pasarela sobre a Nacional VI sae de novo a licitación cun incremento de 125.000 euros con respecto ao orzamento inicial

A Xunta de Goberno autorizaba hoxe a súa contratación logo de que a empresa adxudicataria renunciase polo incremento que experimentou o custo dos materiais de obra mentres a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non emitía nin comunicaba o seu ditame favorable

A contratación da obra para a pasarela peonil sobre a Nacional VI volverá saír a licitación nos próximos días logo de que fora preciso recalcular os custos dos materiais que se empregarán na construción da infraestrutura.

A demora que sufriu o procedemento, motivada polo tempo que tardou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en emitir e comunicar o seu informe favorable ao proxecto, provocou a renuncia da primeira concesionaria que alegou que o prezo do aceiro incrementárase considerablemente nos case oito meses que transcorreron dende a adxudicación, en xaneiro de 2019, ata a autorización por parte da Xunta, en maio, e a incorporación do permiso ao expediente, a finais de xullo.

Logo de revisar as cláusulas económicas, a Xunta de Goberno de hoxe procedía a aprobar de novo a contratación da obra por un importe total de 1.113.179’81 euros, 124.814’40€ máis que o presuposto previsto inicialmente (988.365’47€), se ben, condicionado á obtención do resto de autorizacións sectoriais preceptivas dos organismos públicos implicados como pode ser o Ministerio de Fomento.

Cómpre subliñar que a pasarela se enmarca dentro da Estratexia Dusi “Da Muralla ao Miño – Muramiñae” coa cofinanciación do 80% da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER.

Publicado en Novas conexións, Revitalización da Zona do Carme y etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *