A primeira obra finalizada da estratexia DUSI mellora a calidade ambiental e do entorno urbano da zona do Carme para revitalizala

A alcaldesa de Lugo e o concelleiro de Medio Ambiente visitaron a área onde se actuou para eliminar a contaminación acuática, a degradación paisaxística e os malos olores

Méndez destaca os beneficios desta recuperación para a veciñanza de Lugo e tamén para os peregrinos xa que por esta zona, próxima a Muralla, discorre o Camiño de Santiago

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, visitaron hoxe a rúa Vicedo para ver como quedaron as obras de descontaminación do barrio do Carme, actuación que xa foi recepcionada polo Concello e que é a primeira que se finaliza no marco da estratexia europea DUSI Miramiñae. “É unha ledicia dobre xa que esta obra é a primeira, pero pronto virá a materialización do resto das actuacións “, comentou a rexedora.

Con esta execución, tal e como lembrou Méndez, recupérase esta zona moi próxima á Muralla e pola que discorre o Camiño de Santiago, que se atopaba sumamente degradada e contaminada polos verquidos das augas fecais ao Regueiro dos Hortos e ao subsolo xa que algunhas edificacións da rúa Santiago non estaban conectadas á rede xeral de saneamento.

Coa actuación, “benefíciase a toda a poboación lucense xa que se incorpora para o paso peonil esta céntrica rúa, pero tamén aos peregrinos que fan o Camiño de Santiago e, máis concretamente, aos 131 veciños e veciñas da zona, así como a todos os alumnos/as do Colexio San Xosé”, sostivo a alcaldesa Lara Méndez.

Grazas a esta obra, canalizáronse as verteduras até un pozo de bombeo prefabricado que se instalou na cota máis baixa da rúa Vicedo para encauzalas até o saneamento existente na rúa Santiago. As gabias realizáronse coa mínima profundidade posible e regularizouse o firme con zahorra, que é o que permite Patrimonio nesta zona protexida. Desta maneira, elimínase a contaminación acuática, a degradación paisaxística e os malos olores.

Lara Méndez incidiu en que “cumprimos con partes dos obxectivos do DUSI xa que melloramos a calidade ambiental e do entorno urbano para revitalizar a zona do Carme, sempre de acordo co noso modelo de cidade máis ecolóxico”.

A actuación foi desenvolvida cun control arqueolóxico a pé de obra para vixiar a posible aparición de restos arqueolóxicos.

A obra, cun orzamento de preto de 60.000 euros, inclúese na Estratexia DUSI Muramiñae – da Muralla ao Miño, con financiamento do 80% da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do 20 % do Concello de Lugo.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez sobre as obras do Barrio do Carmen | Descargar mp3
Publicado en Revitalización da Zona do Carme.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *