Adxudicada en 712.000€ a construción da pasarela peonil que mellorará a comodidade e a seguridade do acceso ao Miño

O Goberno impulsa esta infraestrutura no marco da estratexia DUSI que está a implantar grazas aos fondos que logrou captar da Unión Europea co fin de integrar o río na cidade

As obras de descontaminación do barrio do Carmen, adxudicadas en 59.500€, comezarán neste mes

A Alcaldesa, Lara Méndez, informou durante a comisión de seguimento da estratexia DUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, que se celebra cada mes de que as obras de construción da pasarela peonil ao río proxectada no marco deste proxecto europeo que conseguiu o Goberno foi adxudicada en 712.685€ á empresa Taboada e Ramos. Para acometer esta obra, que mellorará a comodidade e seguridade do acceso ao río, son preceptivos informes favorables do Ministerio de Fomento, por afectar á estrada N-VI, e á Xunta, por estar no ámbito do Camiño de Santiago. O Concello enviou as solicitudes xa a mediados do mes de novembro, e unha vez obtidos poderanse iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo das obras da pasarela peonil ao río Miño é crear un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza o acceso dende o centro urbano á zona do río co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial. As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI de xeito que se reforce a permeabilidade transversal entre o casco histórico e unha das zonas máis deportivas, así como á zona de congresos da cidade. Esta pasarela terá un dos seus estribos na isleta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol, sendo este o único espazo posible de desembarco. O outro dos estribos localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.

Así mesmo, a Alcaldesa avanzou na comisión do DUSI, na que están representados todos os grupos políticos da Corporación, que foi adxudicada tamén a descontaminación do barrio do Carmen por 59.500€, actuacións que teñen un mes de prazo e comezarán ao longo de febreiro.

Con este proxecto, o Goberno cumpre unha das necesidades históricas do barrio: eliminar os verquidos non controlados, e deste xeito o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e tamén na estética urbana.

Neste caso, contémplase a construción dun pozo de bombeo na rúa Vicedo, na súa parte baixa, que recollerá as augas de escorrentía da propia vía e as dos dous colectores existentes nesta zona que verten directamente ao Rego dos Hortos, para levalas á rede xeral de saneamento, a través do pozo de rexistro existente na rúa Santiago. Así, elimínanse dous verquidos incontrolados de efluentes contaminantes, ademais das augas escorrentías que danan a calzada da rúa Vicedo. A actuación levará consigo tamén o propio acondicionamento da rúa Vicedo, mediante a regularización da rasante, a colocación de pavimento e a execución de cunetas.

Acceso inferior da N-VI

Por outra banda, os pregos para sacar a contratación a ampliación do acceso inferior da N-VI, tamén financiada co DUSI, están listos coa previsión de que este mes salgan a licitación. O Concello xa conta coa acta de posta a disposición de ocupación duns terreos das inmediacións que non eran propiedade municipal, necesarios para darlle continuidade e conectividade coa Calzada da Ponte, cuxa peonalización da rúa é outra actuación de futuro, dentro da planificación do modelo de cidade do Goberno. Esta aprobación quedará condicionada aos informes sectoriais doutras administracións, autorizacións que xa se remitiron.

O Concello ten ademais consignada outra actuación da súa estratexia DUSI: o carril bici, que alcanza case os 16 quilómetros de sendas ciclistas na cidade. Cun orzamento de un millón de euros, este proxecto busca converter a bici nun elemento normalizado da paisaxe en Lugo, unindo este novo carril, elaborado en base ao Plan de Mobilidade da cidade, con outros xa existentes.

A estratexia DUSI do Concello, Muramiñae, da Muralla ao Miño, ten como obxectivo integrar a cidade e o entorno fluvial, rompendo a discontinuidade urbana existente de norte a sur e de este a oeste. Cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado que conseguiu o Goberno de Lara Méndez levará consigo un investimento total de 12,5M€ en Lugo a través de distintas liñas de actuación, tanto de infraestruturas, como sociolaborais e relacionadas coas novas tecnoloxías.

Publicado en Entorno fluvial, Novas conexións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *