As brigadas do plan de inserción laboral Muramiñae Rehabilita traballan en melloras no parque Rosalía e no Paseo Fluvial do Miño

Os labores que se desenvolven son de xardinería e arranxos medioambientais, albanelería, pavimentación e reparación de mobiliario

O executivo de Lara Méndez, a través deste plan, dá unha oportunidade de formación e traballo durante seis meses a 24 persoas en situación de vulnerabilidade

As actuacións que se irán desenvolvendo nos distintos barrios foron solicitudes presentadas pola propia veciñanza nun proceso de participación cidadá

As brigadas do I Plan de Intervención Socio-Laboral Muramiñae Rehabilita están a traballar en melloras no parque Rosalía de Castro e no paso fluvial do Miño, que foron dúas das peticións veciñais presentadas durante o período de participación cidadá que se abriu por barrios.

Os labores que se desenvolverán son de xardinería e arranxos medioambientais, albanelería, pavimentación e reparación de mobiliario.

Son as primeiras actuacións que se poñen en marcha despois do período de formación dos brigadistas e despois de obter os permisos de distintas administracións paras poder comezar os labores. Unha vez finalizadas estas obras, proseguirán por outros barrios.

Foron decenas as peticións da veciñanza pertencente aos dez barrios que se integran na estratexia DUSI – Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e Saamasas -, que foron analizadas polos capataces das brigadas para establecer os plans de traballo. Non todas as solicitudes poderán ser atendidas a través deste plan, que está previsto para arranxos e melloras que non sexan de gran entidade, pero o Goberno de Lara Méndez estuda agora como desenvolvelas fóra da estratexia DUSI.

A través deste I Plan de Intervención Socio-Laboral Muramiñae Rehabilita dáse unha oportunidade de formación e traballo durante seis meses a 24 persoas en situación de vulnerabilidade.

O Muramiñae Rehabilita enmárcase nas liñas de acción que fixa a estratexia europea DUSI conseguida polo Concello de Lugo no mandato pasado con vistas á integración da trama urbana da cidade co Miño así como para a promoción da inclusión social e de loita contra a pobreza a través da inserción laboral.

O investimento deste primeiro plan Muramiñae Rehabilita ascenderá a 671.000 euros, do que o Concello cofinancia o 20% e o resto son fondos FEDER. Desta cantidade, 267.000 euros son para gastos de persoal, e o resto materiais, vestiario, aluguer maquinaria, coordinación e seguridade, entre outras actuacións complementarias.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a “I Edición Muramiñae Rehabilita” | Descargar mp3
Publicado en Emprego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *