Asinado o contrato das obras da descontaminación dos solos do barrio do Carme, cofinanciadas con fondos FEDER

Con estas tarefas, as primeiras en tomar forma enmarcadas dentro do Muramiñae: da Muralla ao Miño, o Concello cumpre unha das necesidades históricas do barrio

As actuacións contan cun orzamento de 59.500 euros e un prazo de execución dun mes

O Concello asinou este venres o contrato das obras para a descontaminación do solos do barrio do Carme, adxudicado a Construcciones Sanle S.L., cun orzamento de 59.500 euros e un prazo de execución dun mes, actuacións que comezarán neste mesmo abril.

Con estas tarefas, as primeiras en tomar forma enmarcadas dentro da estratexia DUSI de Lugo, denominada Muramiñae: da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Concello cumpre unha das necesidades históricas do barrio: eliminar os verquidos non controlados, e deste xeito o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e tamén na estética urbana.

Neste caso, contémplase a construción dun pozo de bombeo na rúa Vicedo, na súa parte baixa, que recollerá as augas de escorrentía da propia vía e as dos dous colectores existentes nesta zona que verten directamente ao Rego dos Hortos, para levalas á rede xeral de saneamento, a través do pozo de rexistro existente na rúa Santiago. Así, elimínanse dous verquidos incontrolados de efluentes contaminantes, ademais das augas escorrentías que danan a calzada da rúa Vicedo. A actuación levará consigo tamén o propio acondicionamento da rúa Vicedo, mediante a regularización da rasante, a colocación de pavimento e a execución de cunetas.

Audio

  • A alcadesa, sobre as obras da descontaminación | Descargar mp3
Publicado en Revitalización da Zona do Carme y etiquetado ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *