Avanza a tramitación para construír a Pasarela sobre a Nacional VI

A creación dunha pasarela peonil sobre a Nacional VI continúa avanzando cara a súa materialización.

A Mesa de Contratación seleccionaba de novo, á empresa Construcciones Taboada y Ramos por presentar a mellor oferta ao segundo proceso de licitación que o Concello tivo que tramitar para abordar a construción desta infraestrutura, logo de que fora preciso recalcular os custos dos materiais que se ían empregar.

A demora que sufriu o procedemento, motivada polo tempo que tardou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en emitir e comunicar o seu informe favorable ao proxecto, provocou a renuncia da primeira concesionaria que alegou que o prezo do aceiro incrementárase considerablemente nos case oito meses que transcorreron dende a adxudicación, en xaneiro de 2019, ata a autorización por parte da Xunta, en maio, e a incorporación do permiso ao expediente, a finais de xullo.

Logo de revisar as cláusulas económicas, finalmente autorizábase a inicios de decembro a contratación da obra por un importe total de 1.113.179’81 euros, 124.814’40€ máis que o presuposto previsto inicialmente (988.365’47€), se ben, condicionado á obtención do resto de autorizacións sectoriais preceptivas dos organismos públicos implicados como pode ser o Ministerio de Fomento.

Unha convocatoria á que, nesta ocasión, concorreron cinco empresas e da que volveu saír elixida, por ofertar as condicións máis vantaxosas, Construcciones Taboada y Ramos que propuxo unha cuantificación dos traballos en 971.250’06€ e que, agora, deberá acreditar, no prazo dunha semana, que dispón dos medios persoais e materiais que se comprometeu a adscribir á execución do contrato.

Cómpre subliñar que a pasarela se enmarca dentro da Estratexia Dusi “Da Muralla ao Miño – Muramiñae” coa cofinanciación do 80% da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER.

Audio

  • O edil Miguel Couto, sobre a segunda licitación da Pasarela sobre a Nacional VI | Descargar mp3
Publicado en Novas conexións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *