Lara Méndez ampliará o paso soterrado da NVI e humanizará a contorna para mellorar as conexións a pé e en bici co Miño

O paso inferior será substituído por unha nova estrutura que duplicará o ancho e a altura do actual para diminuir o efecto túnel e que sexa máis agradable e seguro para os usuarios.

A alcaldesa de Lugo sostén que “favoreceremos o acceso á zona do río desde o centro da cidade, reducindo o uso dos vehículos e, polo tanto, as emisións de CO2 e a contaminación”.

As obras, nas que se investirán 1.101.000 euros e que durarán 5 meses, inclúen a pavimentación dunha senda peonil de 335.000 metros, con dotación de novo alumeado.

Para a execución dos traballos, enmarcados na estratexia Muramiñae, habilitarase un desvío provisional, para non interromper o tráfico, na marxe esquerda da N-VI en sentido A Coruña.

O Goberno de Lara Méndez dá un paso máis na procura dun modelo de cidade máis sostible, integradora e accesible. O executivo municipal aprobará a vindeira semana a licitación das obras para a renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a estrada Nacional VI, co obxectivo de mellorar as condicións deste itinerario peonil, que será apto tamén para o uso de bicicletas.

Así o avanzou este venres a rexedora, quen explicou que “na vindeira Xunta de Goberno Local aprobaremos destinar 1.101.000 euros para levar a cabo estes traballos cos que buscamos favorecer o acceso á zona do río e ás instalacións e servizos da súa contorna dende o centro da cidade, reducindo o uso dos vehículos particulares e, polo tanto, as emisións de CO2 e a contaminación”.

As obras, que terán un prazo de execución de 5 meses, contemplan a demolición do actual paso inferior, feito de formigón, e a execución dunha nova estrutura de paso, cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, o que diminuirá o efecto túnel e farao moito máis agradable e seguro para o usuario, con perspectiva de xénero. Neste senso, dobrarase a anchura, pois dos 4,5 metros actuais pasará a 8, e a altura será máis do dobre, pasando dos 2 metros actuais (nos extremos) a 5,3 metros.

Lara Méndez explicou que “seguimos avanzando no noso modelo de cidade verde, apostando por unha transición ecolóxica cara unha nova mobilidade baixa en emisións, coa que contribuír ao coidado e protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, unha realidade que nos atinxe a todos e desde a que estamos a traballar desde o Concello desde diversas estratexias e de xeito transversal desde todas as áreas municipais”.

“E, ao mesmo tempo, buscamos que Lugo deixe de vivir de costas ao Miño, mellorando as conexións coa contorna fluvial e reducindo a dependencia do automóbil, ben sexa coa renovación de itinerarios, como neste caso, ou a creación de novos accesos como a construción da pasarela peonil, cuxas obras xa se atopan en marcha”, engadiu a alcaldesa.

Actuacións a executar

Previamente ao inicio dos traballos de demolición do actual paso inferior, habilitarase un desvío provisional da N-VI para non interromper o tráfico. O desvío proxéctase con sección similar á existente, con carrís de 3,50 metros de anchura e arcéns de 1,5  metros, tendo en conta o elevado tráfico da estrada, de máis de 25.000 vehículos diarios. Este desvío realizarase pola marxe esquerda da estrada, sentido A Coruña.

Unha vez liberado o espazo e trala demolición do actual paso, levarase a cabo a execución da nova estrutura.  Concluído o novo paso subterráneo, repoñerase a iluminación e servizos na N-VI e tamén se reporá o valado, que se levará a cabo coa mesma tipoloxía de peche que o existente, consistente en malla de simple torsión sobre pés dereitos separados 4 m entre si. Tras a finalización destas obras levarase a cabo a reapertura ao tráfico e o levantamento do desvío provisional, que pode durar entre dous meses e medio e tres.

Adecuación da senda peonil

Por outra banda, o proxecto tamén contempla a adecuación da senda peonil que conecta a explanada situada ao norte da Nacional ata o hostal San Lázaro, con unión a Calzada da Ponte, un itinerario xa existente que, polas súas características actuais, resulta incómodo para os viandantes, especialmente na época de inverno, ao formarse charcos e zonas de barro.

Para evitar este problema e mellorar a comodidade dos usuarios, levarase a cabo a súa pavimentación mediante unha capa de zahorra de 20 centímetros, sobre a que se executará unha capa de 5 centímetros de pavimento drenante, adecuado ao tráfico peonil e ciclista, e aceptando o uso ocasional de vehículos. Este pavimento terá acabado en cor ocre ou terra.

O paseo peonil, de 335 metros de lonxitude, terá dous metros de ancho e na zona do terraplén da N-VI contará con murete de 0,5 metros de ancho na marxe dereita, revestido en pedra natural para a súa integración na contorna, para colocación da iluminación e sostemento de terras.

En canto á iluminación, na senda peonil proxéctanse luminarias LED de 50 w sobre báculos de 4,0 m de altura encostados ao carón do camiño e cunha distancia entre os mesmos de 20 metros. Respecto ao paso inferior, cunhas dimensións de 8 x 5 metros e unha lonxitude de só 12 metros, exponse a súa iluminación mediante dous proxectores en disposición cenital centrada, cunha distancia entre eles de 6 metros e equidistantes das saídas.

A renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxo principal obxectivo é integrar o Miño na cidade, a través da zona do Carme e conseguir, deste xeito, unha cidade máis verde, sostible e moderna.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o paso inferior da N-VI | Descargar mp3
Publicado en Aforro enerxético e medioambiental, Entorno fluvial, Novas conexións, Revitalización da Zona do Carme.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *