Lara Méndez anuncia a ampliación das sondaxes arqueolóxicas no Carme, tralos achados das primeiras catas

A alcaldesa de Lugo supervisou este luns os traballos levados a cabo en dúas parcelas situadas fronte á igrexa do Carme e á Sala de Exposicións Porta Miñá.

Lara Méndez: “Os restos exhumados permiten aproximarnos ao urbanismo fundacional de Lucus Augusti, e polo tanto, afondar nas orixes da nosa cidade”.

O Concello organizará este sábado, día 24, visitas guiadas para explicar os achados.

Estas actuacións enmárcanse na estratexia DUSI Muramiñae, cuxo obxectivo é poñer en valor o patrimonio histórico e cultural desta zona.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este luns a ampliación das sondaxes arqueolóxicas no barrio do Carme. Fíxoo durante unha visita ás dúas parcelas nas que se levaron a cabo as primeiras catas, situadas fronte á igrexa do Carme e á Sala de Exposicións Porta Miñá, á beira da rúa do Carme e do Camiño Primitivo de Santiago. “Dende o executivo municipal destinaremos preto de 15.000 euros para a ampliación das sondaxes, que abarcarán unha superficie de 65 m2, similar á intervida nas últimas semanas”, apuntou.

Deste xeito, a rexedora subliñou que “consideramos de interese a continuación e ampliación das sondaxes realizadas, xa que os restos exhumados nestas dúas catas, fundamentalmente os pertencentes a unha edificación romana, permiten aproximarnos ao urbanismo fundacional de Lucus Augusti, e polo tanto, afondar nas orixes da nosa cidade”.

Neste senso, apuntou subliñar que, aínda que a cidade dispón de gran cantidade de escavacións arqueolóxicas, “son necesarios aínda traballos dedicados á restitución da malla urbana fundacional, datable en época augusta e julio-claudia”.

O pasado 1 de marzo comezaron os traballos de escavación, traballos que ocuparon unha superficie de 65 m2 e que tiveron un resultado positivo, xa que se exhumaron unha serie de estruturas correspondentes a diferentes etapas históricas.

A principal estrutura descuberta vincúlase cunha edificación romana, exhumándose varios muros que conforman unha estrutura rectangular pertencente a unha edificación aínda sen definir totalmente, pero na que se aprecia un ambiente de servizo focalizado pola presenza dunha cociña que, ao mesmo tempo relacionábase con outro espazo ou habitación cuxa funcionalidade pode ser diversa: almacén ou espazo produtivo.

A partir dos resultados destas sondaxes arqueolóxicas, é posible percibir como se vai definindo unha construción que estaría na zona periurbana da cidade, e o estudo da súa planimetria e funcionalidade, lanzarían novos datos sobre esta zona, estando esta delimitada pola vía XIX que no seu trazado conforma o decumanus da cidade.

Visitas guiadas

Para achegar os descubrimentos destas catas á cidadanía, o Concello de Lugo organizará visitas guiadas co arqueólogo municipal. As primeiras celebraranse este sábado, día 24, ás 12.00 horas e as 17.0 horas, en grupos de 8 persoas debido ás restricións sanitarias. As visitas poderanse ampliar se existe moita demanda.

Os interesados poden inscribirse no seguinte correo dusilugo@lugo.gal ou chamando ao teléfono 982297266.

Terceira intervención arqueolóxica no Carme

Esta é a terceira ocasión na que se intervén a zona, logo de que o servizo municipal de arqueoloxía realizara traballos neste espazo nos anos 1994 e 2005. Estas intervencións revelaron a existencia nesta zona dunha importante ocupación do espazo urbano durante os primeiros séculos de existencia da cidade, que durante a súa etapa baixoimperial puido ter acollido espazos de carácter funerario ou necrópoles, vencelladas ao decurso da vía romana á súa saída da cidade.

O obxetivo destes traballos é poñer en valor o patrimonio histórico e cultural desta zona, situada á saída do recinto amurallado pola Porta Miñá. Ademais, únense a outras actuacións que o Goberno de Lara Méndez está a levar no barrio do Carme, no marco do programa DUSI Muramiñae, cofinanciado ao 80% pola Unión Europea a través do FEDER, como a mellora do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX, ou o arranxo da cuberta da Capela do Carme, intervención para a que o executivo municipal destinará 70.000 euros.

Deste xeito, “seguimos a traballar na recuperación deste barrio como espazo de lecer para a cidadanía e como acceso sostible desde a trama urbana á contorna do río Miño”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a ampliación das catas na Porta Miñá | Descargar mp3
Publicado en Revitalización da Zona do Carme y etiquetado , ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *