Lara Méndez anuncia que o Concello xa dispón dos terreos para construír as Caldas do Miño, que suporán un impulso turístico e de recreo para o municipio

A cesión dunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m², acordouse durante a celebración do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións

A rexedora lamenta a baixeza de miras dos representantes do goberno autonómico e do Grupo Municipal do Partido Popular que se abstiveron na votación “esquecendo o interese xeral para priorizar os réditos partidistas”

O Concello de Lugo dispón xa dos terreos para construír as Caldas de auga quente de uso público na contorna da Fundación Feiras e Exposicións despois da sinatura, este mediodía, do convenio de cesión de solo asinado entre a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Fundación, durante a celebración do Padroado.

Saíu adiante a pesar da abstención dos representantes da Xunta de Galicia e do Grupo Municipal do Partido Popular no Padroado, que se negaron a que fose unha cesión gratuíta de terreo, a pesar de que este requisito viña determinado polos servizos xurídicos, de Patrimonio e de Intervención do Concello de Lugo. “Caprichosamente negaron o seu apoio á decisión aínda que a proposta ía avalada polos técnicos municipais e a pesar de que conta con tódalas autorizacións pertinentes, incluída a da Dirección Xeral de Patrimonio, amosando, polo tanto, que a súa prioridade son os réditos partidistas e non o interese xeral”.

Deste xeito trasladaba Lara Méndez o acontecido no Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, titular dos terreos, e na que, este asunto constituía o único punto da orde do día.

“Non podemos máis que lamentar a baixeza de miras dos cargos do PP, empeñados en boicotear calquera decisión que tome este equipo de goberno independentemente dos prexuízos que se lle ocasionen á veciñanza e ao futuro do municipio”, afeou a rexedora que tildou de “irresponsable – o non polo non -” a negativa do Partido Popular á cesión desta parcela con tal de damnificar á institución, aínda que iso signifique poñer paus nas rodas a actuacións tan relevantes para o desenvolvemento turístico, económico e cultural do concello coma esta”. “Dos representantes da Xunta non nos causa extrañeza porque están xa asentados na dinámica electoral, pero, por parte dos representantes do PP local, supón que volvan a darlle ás costas aos intereses da veciñanza de Lugo”.

Lara Méndez indicou que “a superficie cedida e enmarcada dentro da URPI – 43, ten unha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras, na Avenida Fábrica da Luz, a altura do Club Fluvial”.

A alcaldesa explicou que o proxecto se atopa xa na última fase do seu deseño e que dispón dos permisos de todas as administracións implicadas de forma que a cesión do predio era un dos derradeiros trámites para poder executar as obras así como para explotar as instalacións.

Neste soar, a administración local creará unhas piscinas de auga quente financiadas ao 80% con fondos europeos procedentes do FEDER, dentro da Estratexia Dusi Muramiñae.

“Se ben estas termas non teñen un fin sociosanitario, por non tratarse de augas mineromedicinais, si reportarán múltiples beneficios á comunidade entre os que se pode destacar o impulso da contorna fluvial, xa que se dota o Miño dun novo equipamento cun alto valor cultural e de recreo”, abondou a rexedora.

Entre os aspectos máis positivos que reverterán na sociedade, Lara Méndez, sinalou que estas caldas axudarán a mellorar a economía e o fomento do emprego na cidade ao exercer como un foco de atracción de visitantes. “Estamos convencidos de que  servirán para potenciar a estadía e o perfil de turistas que escollen Lugo como destino das súas vacacións. Contribuirá a poñer en valor o Patrimonio e, pola súa proximidade, o Camiño de Santiago xa que estas dotacións pasarán a ser un espazo de parada obrigatoria para os peregrinos onde desfrutar dun agradable momento de descanso antes de reiniciar a marcha e fomentará, así mesmo, o uso da bicicleta xa que o recinto  contará cun estacionamento específico para ellas”, relatou a rexedora.

“En definitiva, a súa creación axudará a revitalizar toda a contorna xerando unha sinerxia entre as diferentes partes da cidade e facendo que a Muralla se abra ao río, ampliando as ofertas de recreo e deporte como unha opción máis para o ocio tanto de lucenses como de visitantes”.

Méndez referiu tamén que esta nova infraestrutura poderá ser empregada por toda a cidadanía, incluídas as persoas con diversidade funcional ou dificultades de mobilidade xa que dispón de itinerarios accesibles e un dos vasos está adaptado cunha rampla de acceso.

A rexedora trasladou igualmente que a avaliación ambiental realizada verificou que o proxecto é respectuoso coa situación privilexiada na que se enmarca.

A alcaldesa lembrou que as instalacións estarán compostas por 4 piscinas de auga quente – cunha profundidade de entre 60 e 90 cm -, dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte a intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche, e dous pediluvios de auga fría, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 metros cadrados. Cada unha das termas, cun aforo para 50 persoas en uso simultáneo, terá unha forma e dimesión diferentes e o recinto contará cun edificio dunha planta para albergar os vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia.

“O seu deseño, único, orixinal e sinxelo, cumpre cunha estética agradable, semellante a gotas de diferente tamaños. E, con respecto á tecnoloxía escollida, optouse pola aerotermia para reducir ao mínimo a pegada de carbono de maneira que tanto a auga quente sanitaria como a das propias caldas se cubrirá a través deste sistema”, relatou.

Lara Méndez engadiu que será preciso agardar a que o proxecto esté completamente rematado e as dotacións en funcionamento para coñecer o custo exacto do seu mantemento no que se inclúe tanto a conservación e limpeza das instalacións como o quecemento da auga.

“O que si xa podemos adiantar é que estas caldas serán de uso gratuíto para a cidadanía seguindo a vocación desta alcaldía de poñer a disposición da sociedade todos os recursos locais, para universalizar e democratizar servizos”, concluíu a alcaldesa.

Publicado en Entorno fluvial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *