Lara Méndez proxecta no Camiño Primitivo un coliving artístico pioneiro en España para potenciar o talento e as industrias culturais

A alcaldesa de Lugo sostén que se busca impulsar e pór en valor o patrimonio de Lugo desde diferentes perspectivas, o da creatividade multidisciplinar e contacto co Camiño

Os artistas convivirán e traballarán nun inmoble que o Concello restaura na zona do Carme, onde recibirán formación de artistas de éxito e tamén sobre emprendemento

A casa disporá dun espazo exterior con programación cultural e as obras dos artistas venderase no coworking na Tinería xa que nace como “proxecto autosostible”

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Emprego, Maurico Repetto, anunciou que se están a desenvolver as bases para becar a 16 artistas cada ano

Lugo será a sede do primeiro coliving artístico de carácter municipal de España, que porá en marcha o Goberno de Lara Méndez a través da área de Desenvolvemento Sostible e Emprego co fin de impulsar a creatividade nas distintas disciplinas artísticas nun escenario de experiencias e  vivencias compartidas, pero que tamén busca potenciar a posta en marcha de empresas culturais.

A rexedora presentou hoxe este proxecto pioneiro acompañada do concelleiro Mauricio Repetto. “Pretendemos promocionar o enorme talento lucense e tamén galego, nacional e internacional, ofrecéndolles aos autores unha oportunidade de convivir e aprender con outros creadores durante un tempo, pero tamén de interconectar conxuntamente coa comunidade da súa contorna”, sostivo.

O coliving é unha fórmula que supera aos espazos coworking xa que neste caso os artistas, ao mesmo tempo que comparten lugar de traballo para desenvolver o seu proxecto creativo, compartirán vivenda e experiencias. Farano nun inmoble propiedade municipal ubicado no Carme, no que o Concello traballa xa na súa rehabilitación. O edificio, ademais das habitacións, disporá de espazos en común e áreas de traballo, así como unha zona exterior onde organizaremos concertos, teatro ou exposicións cos traballos dos artistas residentes. “A contorna da inmoble será un espazo cultural aberto que albergará deste xeito programación propia”, aclarou a alcaldesa.

Segundo o concelleio de Desenvolvemento Sostible, “a mesma casa servirá ademais de inspiración porque foi unha das residencias do pintor e escultor lucense, Luis Gómez Pacios”.

Lara Méndez comentou que a situación da edificación, no Camiño Primitivo, será un dos elementos que se utilizarán para visibilizar o talento dos artistas que alí se aloxen, ao mesmo tempo que o seu talento axudará a proxectar o Camiño, “de maneira que mentres aportamos unha visión artística multidisciplinar poremos en valor o patrimonio cultural de Lugo desde diferentes perspectivas”.

Entre os obxectivos desta iniciativa, que se desenvolverá a través das liñas de emprendemento e da posta en valor do Patrimonio da estratexia europea DUSI Muramiñae, destácase:

  • Utilizar a creación como medio de expresión e nexo entre o patrimonio histórico-cultural co pensamento e a sociedade.
  • A posta en valor de Camiño Primitivo, a recuperación de oficios e relacionar a marca do Camiño con diferentes disciplinas artísticas.

Pero tamén quérese reforzar a carreira de artistas lucenses e galegos da man de creadores con grandes traxectorias nacionais e internacionais, que acudirán como formadores e titores.

Ademais da formación creativa, o Concello, con apoio do CEI-Nodus, asesorará e formará aos artistas residentes na formación das súas propias empresas e axudará a polos en contacto dos distintos axentes culturais, de xeito que os acompañaremos no seu desenvolvemento profesional e empresarial.

En cada edición deste programa de colivig conformarase un comité de profesionais do mundo da arte con recoñecido prestixio, para a selección de mentores e creadores bolseiros. Os mentores seleccionados abrirán un dialogo con artistas en residencia en busca de formas, ferramentas e proceso propios do lugar.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, anunciou que se está a traballar nas bases polas que “entregaremos bolsas anuais de axuda á produción e outorgáranse a un total de catro alumnos durante catro meses meses, coa consecuente presentación de resultados”.

Outras das claves deste proxecto é que sexa autosostible no ámbito ambiental pero tamén económico de xeito que se garanta a súa continuidade.  Por iso, co fin de manter a actividade e dinamizar o espazo organizáranse accións de emprendemiento cultural durante todo o ano, tanto na casa do Carme como no local propiedade do Concello ubicado no coworking a pé de rúa da Tinería, onde se creará un punto de venda e espazo expositivo das obras destes artistas.

Audio

Publicado en Revitalización da Zona do Carme y etiquetado ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *