Lugo, un dos primeiros concellos de España en arrancar o DUSI ao licitar a redacción de 5 proxectos de obra

A Alcaldesa anuncia a elaboración dos estudos de viabilidade e proxectos constructivos da reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio“Quixemos dar prioridade a estas 5 actuacións porque son moi demandadas, mellorarán a calidade de vida dos lucenses, a seguridade e a comodidade circulatoria, poñerán en valor o noso patrimonio e converterán o entorno do Carme e o Miño nun elemento dinamizador da cidade”, subliñou Lara Méndez

A redacción dos proxectos, cun orzamento de 168.000€, estará lista entre finais deste ano e principios do que vén, momento no que o Concello poderá comezar a licitar a execución das obras

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores que Lugo é un dos primeiros concellos de toda España en arrancar a execución dos fondos europeos DUSI ao aprobar hoxe en Xunta de Goberno a licitación da elaboración de estudos de viabilidade e proxectos constructivos de 5 das actuacións incluídas neste programa. “Aínda quedando algún trámite pendente por parte do Goberno central, dende o Concello quixemos axilizar ao máximo este proxecto e comezar a licitar xa porque non queremos perder nin un só día para poder investir os recursos europeos que conseguimos e implantar as medidas que temos previsto, e que suporán un revulsivo para o conxunto da cidade”, subliñou a Alcaldesa.

A estratexia DUSI coa que Lugo conseguiu fondos da Unión Europea denomínase Muramiñae, da Muralla ao Miño, e conta cun orzamento total de 12,5 millóns de euros, o 80% (10M€) achegado por Europa a través do FEDER. Esta iniciativa, recalcou Méndez, “permitiranos dar un gran impulso na implantación do modelo de cidade que queremos para Lugo: unha cidade máis accesible, humana, sostible, social, integradora e máis verde. Co Muramiñae, seremos máis e mellor cidade”.

Os 5 proxectos

O plan arranca, como explicou a rexedora, coa licitación dos estudos de viabilidade e a redacción dos proxectos construtivos das seguintes 5 actuacións:

1.- Reforma da Volta da Viña (A obra ten un orzamento de 500.000€): consistirá na rexeneración integral de toda esta zona, correspondente á intersección da N-VI co viario urbano. Con esta reforma “buscamos unha diminución do tráfico rodado nas proximidades da Ponte Vella, un dos emblemas da nosa cidade, minimizando a dependencia que para a mobilidade do tráfico supón hoxe a Calzada da Ponte. Por outra banda, a Ponte Vella dará unha continuidade deste itinerario peonil que materializa a entrada á cidade dende o río por unha vía sen tráfico”, indicou a Alcaldesa.

2.- Pasarela peonil ao campo de fútbol Anxo Carro (520.833€): Destinada a crear un novo itinerario peonil e para bicicletas que favoreza o acceso da cidadanía dende o centro á zona do río, e en especial ao campo de fútbol, co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo.

3.- Prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI (1.093.750€): Destinado a mellorar as condicións deste itinerario peonil, tratando de convertelo da mesma forma en ciclable, “co que favorecemos o acceso á zona do río e as infraestruturas do seu entorno”, afirmou Lara Méndez.

4.- Posta en valor do patrimonio histórico e cultural no barrio do Carme (250.000€): consiste na valorización do patrimonio desta área a través de intervencións arqueolóxicas ou de accións de musealización in situ, encamiñadas a coñecer e por en valor aqueles retos relacionados coa traza urbana e as infraestruturas da cidade romana, o trazado da antiga vía romana XIX ou dos múltiples camiños históricos, en especial, o Camiño de Santiago.

5.- Descontaminación e rehabilitación de solos contaminados no barrio do Carme -a raíz de canalizacións antigas e verquidos non controlados- (156.500€)

“Quixemos dar prioridade a estas 5 actuacións, que suman un investimento de 2,5 millóns de euros, porque dan resposta a necesidades que nos trasladan os veciños e veciñas. Son infraestruturas e servizos moi demandados que mellorarán a calidade de vida dos lucenses, a seguridade e a comodidade circulatoria, contribuirán a seguir poñendo en valor o noso patrimonio e converterán o entorno do Carme e do río Miño nun elemento dinamizador máis da cidade”, sinalou a Alcaldesa.

Orzamentos e prazos

O contrato de redacción do estudo de viabilidade e dos proxectos constructivos ten un orzamento de 167.778,25€. Tras ser aprobado hoxe en Xunta de Goberno, indicou Méndez, abrirase un prazo de 15 días para a presentación de propostas, unha vez publicado o anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O prazo de execución do contrato é de 4 meses, para os que se marcou a seguinte folla de ruta co fin de facer “un seguimento exhaustivo de cada proxecto”, dixo Lara Méndez:

– 2 semanas para realizar un estudo da viabilidade técnica e económica dos distintos proxectos.

– 2 semanas para presentar un avance de cada proxecto construtivo

– E 6 semanas para a elaboración dos proxectos. Están incluídos a elaboración dos documentos necesarios para obter todos os permisos e licencias precisos que se requiran para a realización das obras (Ministerio de Fomento, CHMS, Xunta e empresas subministradoras de servizos, entre outros).

Equipo redactor

Á hora de seleccionar entre as empresas licitadoras, pesará con 60 puntos a oferta económica e con 30 as melloras, dentro das que destacan as referidas ao equipo redactor.

A redacción de cada proxecto, segundo explicou a Alcaldesa, estará a cargo dun equipo multidisciplinar, que, como mínimo, debe contar cun coordinador, con 10 anos de experiencia, con titulación de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos ou Arquitectura, e con 3 redactores dos proxectos da mesma titulación que as anteriores, ademais dun topógrafo, un arqueólogo, un técnico con experiencia en proxectos medioambientais e un delineante. “Un equipo multidisciplinar e con ampla experiencia porque son proxectos de entidade, tanto dende o punto de vista técnico, como pola repercusión que terán no cambio da cidade. Queremos que as actuacións sexan armónicas co entorno e a paisaxe”, subliñou Méndez.

Tendo en conta os prazos estipulados, “estimamos que os proxectos constructivos das 5 primeiras actuacións do programaMuramiñae estarán listos entre finais deste ano e principios do que vén”, asegurou Lara Méndez, quen avanzou así mesmo que, como parte tamén da posta en marcha do plan, “proximamente convocaremos a Comisión de Seguimento co fin de avanzar coordinadamente na súa execución”.

Audio

Publicado en Aforro enerxético e medioambiental, Novas conexións, Novas tecnoloxías, Posta en valor do patrimonio, Revitalización da Zona do Carme.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *