O comité de dirección da estratexia DUSI Muramiñae avanza que a construción da pasarela peonil ao Miño comezará a vindeira semana

Este órgano celebrou a primeira reunión de traballo tralo periodo de confinamento para avaliar o estado das actuacións da estratexia, cofinanciada ao 80% a través do FEDER
 
Está aberto o prazo para a presentación de ofertas para a obra do carril bici. A previsión é que os traballos comecen tras o verán, contando cun tempo de execución de seis meses
 
Iniciouse a selección de peóns e capataces do I Plan Socio-Laboral Muramiñae Rehabilita. Contratarase a 27 lucenses en situación de vulnerabilidade para obras en barrios

O comité de dirección do DUSI Muramiñae celebrou unha reunión esta semana, a primeira logo do período de confinamento, para abordar asuntos de actualidade e avaliar o estado das actuacións contempladas no proxecto. Trátase da estratexia posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez, cofinanciada nun 80% pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), para integrar o Miño na cidade a través da zona do Carme e facer así unha cidade máis verde, máis sostible, máis integradora e máis moderna.

No encontro avanzouse nalgunha das actuacións máis destacadas do proxecto. Deste xeito, a alcaldesa explicou que “na vindeira semana comezarán as obras da pasarela peonil que se vai a construír sobre a Nacional VI para mellorar a comodidade e seguridade de acceso ao Miño e ao estadio Anxo Carro. Unha noticia moi positiva, pois con esta nova infraestrutura dende o Concello damos resposta a unha demanda histórica da cidadanía lucense”.

A empresa encargada de efectuar os traballos será Construcciones Taboada y Ramos, logo de ser seleccionada pola Mesa de Contratación, tras presentar a mellor oferta (971.250 €). Con esta estrutura créase un novo itinerario para peóns e bicicletas que favorecerá a continuidade do casco urbano de Lugo á zona do río Miño, pois na actualidade soamente existen accesos peonís mediante pasos inferiores, ademais de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial.

Así mesmo, Lara Méndez avanzou que “está aberto o prazo para presentar as ofertas  para a construción do carril bici, logo da aprobación do proxecto na Xunta de Goberno Local, polo que a previsión é que os traballos comecen despois do verán. En canto a obra estea adxudicada, o periodo de execución será de seis meses”.

O orzamento deste proxecto ascende a 1,6 millóns de euros e, a maiores, investiranse 200.000 euros na execución de aparcamentos alternativos. O carril bici combinará carrís segregados de tráfico nas rúas con maior ancho, con viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reducirá ao 20%. O itinerario permitirá percorrer e completar un circuíto, de oeste a este e de norte a sur, transcorrendo por 8 barrios da zona DUSI: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real. No seu deseño primou a seguridade; a cohesión interna e a intermodal; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis corto) e o atractivo da ruta.

Finalmente, a alcaldesa informou comezou o proceso de selección de peóns e capataces do I Plan Socio-Laboral Muramiñae Rehabilita, posto en marcha polo executivo municipal. A través desta programación crearanse 3 brigadas, conformadas por 27 persoas: 8 peóns e un capataz en cada unha delas, que se encargarán de realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, de albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos barrios DUSI.

Neste proceso selectivo daráselle prioridade aos desempregados de longa duración, mulleres, maiores de 55 anos, mozos e mozas menores de 30 atendidos polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil e persoas que estean en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe de Servizos Sociais.

Cómpre destacar que o programa Muramiñae Rehabilita está aberto á opinión e suxestións da veciñanza. Deste xeito na páxina web do Concello habilitouse un espazo onde deixar propostas, e tamén se repartirán folletos de papel a través dos que os veciños e veciñas poden facer chegar as súas peticións, que se irán estudando no marco dun plan de acción de barrios.

O Concello mantén aberto o prazo, ata o vindeiro día 21 de xullo, para que as empresas interesadas no subministro de material para a execución de ditas obras presenten as súas ofertas. O executivo municipal aprobou destinar un total de 606.000 euros á contratación da maquinaria e ferramentas necesarias para levar a cabo os traballos. A duración dos contratos será de seis meses, podendo prorrogarse por un período máximo dun ano, para atender as necesidades das brigadas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a reunión do Comité de Dirección DUSI | Descargar mp3
Publicado en Novas conexións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *