O Concello adxudica a redacción do proxecto para crear 16 quilómetros de carril bici entre a cidade e o Miño

A Alcaldesa anunciou esta actuación, “que nos permite avanzar no noso modelo de cidade, máis accesible, humana, cómoda e sostible” e forma parte do programa europeo EDUSI

O acondicionamento de vías ciclistas súmase a outros 5 proxectos cuxa redacción xa foi adxudicada: a reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este sábado que o Concello vén de adxudicar por un importe de 20.872 euros a redacción dun estudo de alternativas e do proxecto técnico para mellorar a mobilidade urbana coa creación de 16 quilómetros de carrís bici entre a cidade e o río Miño, esto é, na zona de actuación do EDUSI, pois trátase dunha iniciativa financiada a través deste programa europeo que busca unir a trama urbana e a zona fluvial.

No proxecto adxudicado analizaranse distintas opcións de itinerarios e tramos a acondicionar, tendo en conta que as actuacións poderán pasar por crear carrís bici e tamén habilitar rúas que combinen o paso preferencial de bicicletas co de automóbiles.

Deste xeito, o Goberno dirixido por Lara Méndez avanza no “modelo de cidade que queremos para Lugo, unha cidade máis accesible, humana, sostible, social, integradora e máis verde” cunha actuación “que mellora a mobilidade urbana dotando á cidade de infraestruturas axeitas para fomentar o uso de vehículos alternativos aos automóbiles, o que calma o tráfico, contribúe a reducir a contaminación acústica e ambiental, e mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

A adxudicación dos traballos de elaboración do proxecto técnico para crear 16 quilómetros de vías ciclistas previsto no EDUSI súmase a xa adxudicada redacción doutros cinco proxectos deste programa europeo por importe de 104.000€: a reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio.

Grazas ao Goberno local, Lugo converteuse de feito no mes de agosto nun dos primeiros concellos de toda España en arrancar a execución dos fondos europeos EDUSI. Este programa conseguido polo executivo lucense, denominado Muramiñae, da Muralla ao Miño, ten un orzamento total de 12,5 millóns de euros, o 80% (10M€) achegado por Europa a través do FEDER.

Publicado en Aforro enerxético e medioambiental, Emprego, Entorno fluvial, Novas conexións, Posta en valor do patrimonio, Revitalización da Zona do Carme y etiquetado , ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *