O executivo de Lara Méndez adxudica por 1,2 millóns as obras da senda ciclista verde, que cambiará a mobilidade en 8 barrios da cidade

A Xunta de Goberno local aprobou este mércores a adxudicación dos traballos, de seis meses de duración, á empresa Taboada y Ramos S.L.

A nova senda verde terá unha lonxitude de 14 quilómetros, que percorrerá Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real

Este proxecto enmárcase na estratexia Muramiñae, posta en marcha pola rexedora con fondos europeos co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño

O executivo de Lara Méndez aprobou este mércores na Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras de construción do novo carril bici, por un importe total de 1.227.000 euros. A empresa encargada de levar a cabo os traballos, que contarán cun praxo máximo de execución de seis meses, será Taboada y Ramos S.L. Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, posta en marcha pola rexedora, co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño, e cofinanciada ao 80% por fondos FEDER.

A nova senda verde ciclista de Lugo terá unha lonxitude de 14 quilómetros e transformará a mobilidade dos oitos barrios que percorrerá: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real.

No seu deseño primou a comodidade; a cohesión interna, e tamén con outras redes como a do transporte urbano; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis curto) e o atractivo da ruta. Pero especialmente primou a seguridade, do ciclista e tamén dos peóns, combinando carrís segregados de tráfico nas rúas con maior ancho, con viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reducirá ao 20%.

Así mesmo, procurouse a menor eliminación de prazas de estacionamento posible en todo o itinerario e proxectouse a creación de novas prazas en aparcamentos alternativos ao tempo que se porán en marcha campañas de promoción e concienciación do uso da bicicleta, co fin de avanzar cara unha mobilidade máis sostible e respetuosa co medio ambiente.

Neste senso, os 14 quilómetros deste novo itinerario uniranse aos 2,5 que xa se atopan en funcionamento no paseo do Río Rato, froito da colaboración do Concello e a Deputación de Lugo.

Eixos do carril bici

O eixo principal que conforma este proxecto conecta a zona fluvial do Río Miño nas inmediacións da Ponte Romana coa parte norte da cidade, á altura da rúa Dona Urraca, pasando polas rúas Pintor López Guntín, Portugal, Río Ulla, Azalea, Ronda do Carme, Rúa Santiago e Paseo do Miño.

Este trazado compleméntase con outros eixos perpendiculares, un deles por Xulia Minguillón e Río Ser, outro por Lamas de Prado, e outro por Marqués de Ombreiro, campo de fútbol Anxo Carro, Pazo de Feiras e Congresos e pasarela de San Lázaro, dando conexión ao percorrido coa marxe oposta do río.

Ademais, a zona da Abella quedará conectada coa zona da Residencia, ata a Fonte dos Ranchos, onde engancha co eixo principal. Tamén se conectará a Ronda da Muralla coa Rúa Mazaira a través da rúa Camiño Real, así como Avda. Doutor García Portela e as costas do parque Rosalía coa Rúa Santiago.

Os carrís segregados do tráfico motorizado estarán nas seguintes rúas, que configuran o eixo principal e dous importantes eixos perpendiculares de todo o trazado: Dona Urraca, López Guntín, Amizade, Río Ulla (dende Portugal ata rúa da Saúde), Azalea, Ronda do Carme (nas dúas calzadas), Rúa Santiago (dende a zona fluvial ata a intersección con Ronda do Carme), Paseo do Miño, Río Navia (dende Valle Inclán ata Río Ser), Concepción Arenal (dende Rúa da Xesta ata Rúa Mondoñedo), Xermán Alonso Hortas, Orquídea (nas dúas calzadas), rúa da Saúde, Ameneiro, Marqués de Ombreiro e Acceso ao Complexo Deportivo Palomar (dende Marqués de Ombreiro ata a rotonda de enlace coa N-VI, á altura da gasolineira existente).

O pavimento do carril bici segregrado contará cun revestimento de cor verde con resistencia ao esvaramento para unha maior seguridade dos ciclistas, e diferenciaranse as interseccións en cor vermello.

De forma complementaria, convivirán o tráfico e o tránsito de bicicletas, con prioridade desta última e limitación da velocidade de circulación a 20 Km/h, as seguintes rúas: Camiño Real, Xulia Minguillón, Río Ser, Lamas de Prado, Río Navia (dende Río Ser ata Lamas de Prado), Mondoñedo, Portugal, Orquídea (dende o antigo centro comercial da Abella ata Oliveira), Oliveira (dende Orquídea ata Lamas de Prado), Acceso ao Complexo Deportivo Palomar (dende o enlace coa N-VI e o Pazo de Feiras e Congresos), Frei Plácido Rei Lemos e Avda. Doutor García Portela.

Mellora de firmes

Para proceder a un circuíto máis seguro, repoñeranse os firmes das zonas máis danadas como na Ronda do Carme, na rúa Marqués de Ombreiro, na rúa Ameneiro (no tramo situado entre Avenida das Américas e Marqués de Ombreiro) e nas costas do parque Rosalía de Castro. En total, mellorarase o firme en máis de 3 quilómetros de viarios.

Aparcabicis

O proxecto incluirá aparcabicis, repartidos por toda a zona de actuación, e contarán cunha marquesiña en zonas de larga estancia, como nas proximidades de colexios   e de paradas de bus, facilitando así a intermodalidade.

Disporanse catro bancos de recarga intelixentes, en distintas zonas, dotados de placas solares, para facilitar a recarga de bicicletas, con portos USB e portos de carga inalámbrica de teléfonos móbiles, posibilidade de conexión a internet, equipamento para reparación de bicicletas e compresor de aire.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación da Senda Verde Ciclista | Descargar mp3
Publicado en Novas conexións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *