O executivo de Lara Méndez solicitará a Fomento a cesión dos 2’3 km da N-VI comprendidos na zona DUSI

A actuación permitirá desenvolver con maior dilixencia as iniciativas contempladas na Estratexia Muramiñae encamiñada a integrar a contorna urbana co río

O goberno local instará tamén ao Ministerio a arranxar un treito da N-540 a altura de San Pedro de Calde e a cederllo, logo, ao Concello para garantir o seu estado de conservación

O executivo de Lara Méndez solicitará ao Ministerio de Fomento a cesión do tramo da estrada N-VI, comprendido dentro da zona de actuación da Estratexia DUSI, para a súa integración como vía urbana.

Unha operación que a rexedora enmarcaba “dentro da relación de diálogo e colaboración permanente que mantemos as dúas administracións, a prol do interese xeral e acorde as liñas de actuación fixadas por este goberno cara o futuro verde, sustentable, conciliador e respectuoso co medio ambiente que deseñamos para Lugo”.

Logo de que a parte técnica e documental do procedemento se atope xa rematada, a alcaldesa daba conta hoxe dos detalles da petición que será aprobada na vindeira Xunta de Goberno Local.

“Se ben esta actuación lle permite ao Ministerio preservar a continuidade da súa rede de estradas, como alternativa ao tramo a través da nova ponte sobre o Miño, a estrada autonómica LU-612, a autovía A-54 e a vía de altas prestacións LU-12 ata conectar novamente coa estrada N-540, para o Concello de Lugo é un paso máis que posibilita avanzar na conexión da cidade co río, xa que a N-VI era unha das barreiras que presentaba a configuración deste tramo dentro da zona comprendida pola Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible”.

“Así pois – incidiu Lara Méndez – esta cesión facilitará a integración destes dous espazos dunha maneira máis flexible xa que, na posta en marcha das intervencións programadas para esta contorna, se poderán aplicar conceptos urbanísticos que estean menos condicionados pola lexislación sectorial ao tratarse dun tramo que xa non se atopa contemplado dentro Rede do Estado”.

Unha vía de 2.320 metros de lonxitude pola que circulan máis de 23.000 vehículos ao día

A rexedora referiu que, dentro dos elevados niveis de tráfico que actualmente soporta esta estrada, ao redor do 85% dos 23.305 vehículos que transitan diariamente por ela teñen orixe ou destino na propia cidade, “o que a converte nunha sorte de terceira rolda de circunvalación polo sur – suroeste de Lugo, outro dos motivos polo que tanto para o Concello como para Fomento resulta non só viable senón tamén conveniente proceder á súa cesión”.

Pola súa parte, o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, aportou a información máis técnica da operación, subliñando que a N-VI, cunha idade estrutural que procede de xuño de 1975, aglutina unha importante concentración de accesos por tratarse dun treito moi condicionado polo crecemento urbano da cidade.

“Ten, en total, 2.320 metros de lonxitude e conta cun carril por sentido de circulación e beiravías, con varios accesos a estradas de titularidade municipal. Dentro do obxecto da actuación inclúense, ademais dous ramais de acceso á ponte sobre o Río Miño, a raqueta na marxe oposta do acceso ao Balneario, os ramais na zona de entrada/saída próximo á Ponte Romana e o ramal de conexión da N-540 coa N-VI en sentido Santiago-Madrid, así como o de incorporación desde a N-VI á Avenida das Américas e o de saída desde a Avenida Breogán sentido A Coruña. E enténdese incluída tamén, tanto a traza de estrada e os seus elementos auxiliares, como os terreos anexos e sobrantes de expropiación”.

O edil comentou que a última actuación nela data de outubro de 2009 e que, actualmente, o seu estado de conservación así como o das dotacións que posúe (sinalización, balizamentos, etc) é bo, en termos xerais.

“Polo que, tendo en conta as súas características orográficas e construtivas e o feito de que tanto a iluminación pública coa que conta como o seu mantemento xa son de titularidade municipal, terá uns custos de conservación ordinarios en torno aos 46.000 euros por ano entre os que xa figuran as intervencións periódicas de roza e de consolidación en época de fortes choivas debido ao gran noiro que presenta”.

O responsable de Urbanismo Sostible salientou asemade que o Concello tamén contempla, no horizonte de 2024, a realización dalgunhas obras de reposición e reinversión nesta vía valoradas en preto de 30.000€.

O Concello solicitará asemade a cesión dun treito da N-540 en Calde para garantir a súa boa conservación

Durante a comparecencia telemática desta mañá, a rexedora de Lugo aproveitou tamén para anunciar outras dúas intervencións semellantes. Por unha banda, a institución local dirixirase alén a Fomento para que arranxe primeiro e ceda, a continuación, un tramo da N-540 á altura da parroquia de San Pedro de Calde. Un pequeno treito de 960 metros de lonxitude que dá acceso ás vivendas do enclave de Penelas e ao núcleo do Burgo.

“O seu estado é bastante precario pero o seu mantemento vén condicionado por dous factores opostos: ter pouco tráfico e atoparse integrado na Rede de Estradas do Estado, de maneira que a través da área de Medio Rural e Deportes se lle pedirá a Fomento que, antes de nada, repare a capa de rodadura e logo nolo ceda para poder ser nós os que asumamos a súa conservación tendo en conta o servizo que presta á veciñanza e non a súa densidade de circulación”.

Audio

Publicado en Entorno fluvial, Novas conexións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *