O Goberno adxudica a redacción do proxecto de reforma da Volta da Viña e da creación da pasarela peonil do Anxo Carro, enmarcados na estratexia EDUSI

A Xunta de Goberno acordou adxudicar a Inca Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.A. estas tarefas, xunto cos proxectos para a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio, por un total de 104.000 euros

O Voceiro Municipal, Miguel Fernández, avanzou este mércores que a Xunta de Goberno celebrada esta mañá acordou adxudicar a Inca Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.A., por un importe duns 104.000 euros, a redacción de estudos de viabilidade e 5 proxectos constructivos enmarcados nas actuacións incluídas na estratexia EDUSI de Lugo, Muramiñae, Da Muralla ao Miño, que conta co cofinanciamento do 80% da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Os cinco proxectos, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, son os seguintes:

1.- Reforma da Volta da Viña (A obra ten un orzamento de 500.000€): consistirá na rexeneración integral de toda esta zona, correspondente á intersección da N-VI co viario urbano. Con esta reforma o Goberno de Lugo busca diminución do tráfico rodado nas proximidades da Ponte Vella, minimizando a dependencia que para a mobilidade do tráfico supón hoxe a Calzada da Ponte. Por outra banda, a Ponte Vella dará unha continuidade deste itinerario peonil que materializa a entrada á cidade dende o río por unha vía sen tráfico”, indicou a Alcaldesa.

2.- Pasarela peonil ao campo de fútbol Anxo Carro (520.833€): Destinada a crear un novo itinerario peonil e para bicicletas que favoreza o acceso da cidadanía dende o centro á zona do río, e en especial ao campo de fútbol, co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo.

3.- Prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI (1.093.750€): Destinado a mellorar as condicións deste itinerario peonil, tratando de convertelo da mesma forma en ciclable, co obxecto de favorecer o acceso á zona do río e ás infraestructuras do seu entorno.

4.- Posta en valor do patrimonio histórico e cultural no barrio do Carme (250.000€): consiste na valorización do patrimonio desta área a través de intervencións arqueolóxicas ou de accións de musealización in situ, encamiñadas a coñecer e por en valor aqueles retos relacionados coa traza urbana e as infraestruturas da cidade romana, o trazado da antiga vía romana XIX ou dos múltiples camiños históricos, en especial, o Camiño de Santiago.

5.- Descontaminación e rehabilitación de solos contaminados no barrio do Carme -a raíz de canalizacións antigas e verquidos non controlados- (156.500€)

A adxudicación dos traballos desta iniciativa europea, que conta cun orzamento total de 12,5 millóns de euros, o 80% achegado por Europa a través do FEDER, súmanse á adxudicación do proxecto técnico para crear 16 quilómetros de vías ciclistas na zona de actuación deste programa de desenvolvemento urbano sostible, qu eneste caso converterán o entorno do Carme e do río Miño nun elemento dinamizador máis da cidade.

Prazos e equipo multidisciplinar

O prazo de execución do contrato é de 4 meses, para os que se marcou a seguinte folla de ruta: 2 semanas para realizar un estudo da viabilidade técnica e económica dos distintos proxectos, 2 semanas para presentar un avance de cada proxecto construtivoe  6 semanas para a elaboración dos proxectos. Están incluídos a elaboración dos documentos necesarios para obter todos os permisos e licencias precisos que se requiran para a realización das obras (Ministerio de Fomento, CHMS, Xunta e empresas subministradoras de servizos, entre outros).

A redacción de cada proxecto estará a cargo dun equipo multidisciplinar, que, como mínimo, conta cun coordinador, con 10 anos de experiencia, con titulación de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos ou Arquitectura, e con 3 redactores dos proxectos da mesma titulación que as anteriores, ademais dun topógrafo, un arqueólogo, un técnico con experiencia en proxectos medioambientais e un delineante. Ademais neste equipo estará presente un enxeñeiro de camiños, un técnico especialista para a redacción de proxectos de descontaminación de solos, un delineamnete con experiencia en proxectos de obra civil e un historiador.

A estimación é que os proxectos constructivos das 5 primeiras actuacións do programa Muramiñae estarán listos entre finais deste ano e principios do que vén.

Publicado en Emprego, Novas conexións y etiquetado ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *