O Goberno creará, con fondos FEDER, un carril bici de máis de 15 quilómetros, para impulsar a mobilidade sostible na cidade

Lara Méndez deu a coñecer este “proxecto ambicioso, que busca converter a bici nun elemento normalizado da paisaxe de Lugo”, redactado en base ao Plan de Mobilidade e ao Proxecto de Promoción da BicicletaO orzamento da iniciativa, enmarcada dentro do Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiado ao 80% polo Fondos Europeos de Desarrollo Regional, é dun millón de euros e o prazo de execución son 6 meses

“Trátase dunha inversión potente que fará de Lugo unha cidade máis saudable, ecolóxica, sostible e deportiva, con mellores infraestruturas, todo elo prioridade para o Goberno”, subliñou a Alcaldesa

Os límites deste nova rede ciclista son a Avenida da Coruña, Ronda da Muralla, Parque Rosalía de Castro, río Miño cara o río Mera, límite da zona urbana en Abella e rúa Mazaira. Conta con 27 tramos diferenciados e foi deseñado atendendo a principios de cohesión rectitude, seguridade, conforte e atractivo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, deu a coñecer este luns, na Avenida Marqués de Ombreiro coa Ronda do Carme, unha nova medida de mobilidade sostible do Goberno, coa idea de transformar a Lugo nunha cidade do século XXI. Trátase dun novo carril bici, que alcanza os 15,2 quilómetros de sendas ciclistas na cidade, ben mediante vías separadas ou zonas de coexistencia, fronte aos 1,54 quilómetros que existen ata o momento.

“É un proxecto ambicioso, que busca converter a bici nun elemento normalizado da paisaxe de Lugo”, subliñou a rexedora na presentación, na que tamén estivo presente o técnico municipal Miguel Ángel Negral. Así mesmo adiantou que dito proxecto foi redactado ademais en base ao Plan de Mobilidade e Espazo Público e ao Proxecto de Promoción da Bicicleta de Lugo, dous instrumentos cos que xa contaba o Concello.

Lara Méndez explicou que a nova rede ciclista foi deseñada cumprindo cinco principios:

  1. Cohesión: interna e con outras redes, como por exemplo os autobuses urbanos. Ademais da creación de sendas ciclistas, búsd facilitar tamén a intermodalidade entre bicicleta e transporte público, promovendo a sinerxia entre os dous modos de transporte.
  2. Rectitude: tanto en distancia como en tempo; xa que un dos principais motivos que desaniman a coller a bici é a pendente.
  3. Seguridade: viaria e saúde vial
  4. Confort
  5. Atractivo da ruta

Ademais, está definida con criterios de seguridade e comodidade, sempre tendo en conta este carril se implantará en rúas xa existentes.

27 tramos diferenciados

O ámbito de actuación é o correspondente á estratexia EDUSI de Lugo, Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% con fondos FEDER. Os seus límites aproximados son a Avenida da Coruña, Ronda da Muralla, Parque Rosalía de Castro, río Miño cara o río Mera, límite da zona urbana en Abella e rúa Mazaira.

O carril bici engloba 27 tramos diferenciados:

  1. Paseo do Miño
  2. A Ponte, inicio rúa Santiago
  3. Rúa Santiago (ata o semáforo)
  4. Parque de Rosalía
  5. Rúa García Portela
  6. Dona Urraca (tramo inicial)
  7. Dona Urraca (resto)
  8. López Guntín
  9. Portugal
  10. Azalea
  11. Ronda do Carme, ata Poeta Noriega Varela
  12. Ronda do Carme, Poeta Noriega Varela a Calzada Romana
  13. Ronda do Carme, Calzada Romana a rúa Santiago
  14. Acceso Complexo do Palomar. Gasolinera a Marqués de Ombreiro. Unha zona de moito tráfico ciclista deportiva e unha das principais conexións do río coa cidade.
  15. Marqués de Ombreiro
  16. Xermán Alonso
  17. Rúa Oliveira
  18. Rúa Orquídea. Dende rúa Oliveira ao centro comercial
  19. Rúa Orquídea. Centro comercial a Avenida Breogán
  20. Rúa da Saúde. Avenida de Breogán a Serra de Outes
  21. Rúa Ameneiro. Da rúa Saúde a Marqués de Ombreiro
  22. Río Navia. Valle Inclán a río Ser
  23. Rúa Mondoñedo. Tui a Concepción Arenal
  24. Concepción Arenal. Mondoñedo a rúa da Xesta
  25. Mazá da Antiga Residencia
  26. Río Ulla
  27. Rúa Amizade

Nestes 27 tramos haberá tanto carriles bici segregados com rúas ciclistas. As vías ciclistas, que estarán separadas tanto por sinalización vertical como por separadores ovalados de caucho de distintos tamaños, poden ser bidireccionais ou unidireccionais, ben de subida ou de baixada, existindo tamén rúas ciclistas que contarán con tráfico ciclista a contrasentido. Nas denominadas rúas ciclistas reducirase a velocidade xenérica a 20Km/h para garantir a seguridade.

Este proxecto tamén contempla aparcabicis e aparcadoiros cubertos, en aquelas zonas onde se prevé unha estancia larga, como colexios ou nas proximidades de paradas de autobús urbano, por exemplo. A localización deste aparcabicis será en calzada, substituíndo a plazas de aparcadoiro.

Para a creación destes 15,2 quilómetros de carril bici, buscouse tamén minimizar a demolición e afectar o menos posible á configuración actual das rúas. Sen embargo, haberá demolicións e excavacións para dispor de pavimento permeable na rúa Santiago. En xeral actuarase sobre o pavimento actual, eliminando as marcas viais actuais e substituíndoas por unhas novas. Si é certo que haberá algunhas zonas onde será necesario repoñer ou regularizar o pavimento: nas Costas do Parque, na ruá Poeta Xosé Crecente -no barrio da Residencia-, e nos laterais da Ronda do Carme.

Medida de convivencia e seguridade

“Con esta nova medida de mobilidade urbana posibilitamos a convivencia e a seguridade de ciclistas, peóns e vechículos”, continuou a Alcaldesa. De feito, preevese a instalación de sinais específicas para vías ciclistas, que non existen na actualidade, como paneis, sinais de perigo por presencia de ciclistas, luces de semáforos con siluetas de bicicletas ou compartidas con peóns ou marcas de conexión entre vias ciclistas en cruces, entre outros.

“Trátase dunha iniciativa que mellora a mobilidade urbana, dotando ademais á cidade de infraestruturas axeitadas para fomentar o uso de vehículos alternativos aos automóbiles, capaces de conectar toda a cidade, coas que se favorecerán todo tipo de desplazamentos, dende os de lecer ás viaxes por cuestións laborais; porque nos non buscamos que os veciños e veciñas saian dar unha volta en bici, que tamén, senón que convirtan o uso da bici nun hábito diario e cotiá”, asegurou Méndez.

Orzamento

O orzamento deste proxecto, enmarcado dentro do Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiado ao 80% por Fondos Europeos de Desarrollo Regional (FEDER) é dun millón de euros (1.043.941,11€), e o prazo de execución son 6 meses. “Trátase pois dunha inversión potente que fará de Lugo unha cidade máis saudable, ecolóxica, sostible e deportiva, con mellores infraestruturas, todo elo prioridade para o Goberno”.

“Este é outro exemplo específico e claro de como os fondos FEDER poden mellorar a vida da veciñanza, e neste caso, apostando tamén por fomentar a mobilidade sostible por sendas ciclistas seguras que ademais nos permitirán disfrutar de Lugo dende outra perspectiva e dende unha nova infraestrutura”, concluíu.

Audio

Documento

Publicado en Aforro enerxético e medioambiental, Emprego, Entorno fluvial, Novas conexións, Novas tecnoloxías, Posta en valor do patrimonio, Revitalización da Zona do Carme y etiquetado , , ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *