O Goberno de Lara Méndez destina 171.000 euros á creación de dous aparcamentos alternativos nos barrios de A Residencia e Castiñeiro

A Xunta de Goberno Local aprobará este mércores a adxudicación das obras, que contarán cun prazo de execución de dez semanas, á empresa Canarga SL.

Estes traballos, ligados á posta en marcha da nova senda verde ciclista da cidade, permitirán crear 69 prazas públicas e gratuítas en Ramón Piñeiro e Lamas López.

Ademais, habilitaranse outros 51 estacionamentos co repintado en batería dos espazos nas rúas Río Mandeo, Pomar, Amizade e Ronda do Carmen.

O executivo de Lara Méndez aprobará na Xunta de Goberno Local deste mércores a adxudicación das obras para a creación de dous aparcamentos alternativos, públicos e gratuítos, nas rúas Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López. Así o avanzou a rexedora, quen apuntou que “con estes dous aparcadoiros crearanse 69 novas prazas de estacionamento na contorna da nova senda verde ciclista, que chegarán ata as 120, xa que se sumarán ás 51 que se habilitarán co repintado en batería dos espazos nas rúas Río Mandeo, Pomar, Amizade e Ronda do Carmen”.

Os traballos serán adxudicados por 171.000 euros á empresa Canarga SL, ao presentar a oferta máis vantaxosa, e as obras contarán cun prazo máximo de execución de dez semanas. Este investimento únese aos 1,2 millóns das obras do carril bici, de 14 quilómetros, que percorrerá o Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real.

Así, Lara Méndez lembrou que “estes traballos veñen a complementar o proxecto que xa temos en marcha para a creación da nova senda ciclista verde, coa que buscamos un cambio cara unha mobilidade máis sostible en 8 barrios da cidade, enmarcados na zona DUSI, que significará transformar a cidade e impulsar un novo modelo de urbe máis sostible e saudable, reducindo o tráfico rodado e polo tanto, reducindo os ruídos e as emisións de gases contaminantes”.

No deseño deste novo carril bici procurouse a menor eliminación de prazas de aparcamento posible, especialmente en zonas máis vulnerables onde hai vivendas sen garaxe propio. Con todo, e para facilitar o estacionamento de vehículos na vía pública, o executivo acordou a construción destes dous novos aparcamentos alternativos, que se situarán en dúas parcelas municipais nos barrios de A Residencia e Castiñeiro.

Este proxecto enmárcase no estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola UE a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o seu obxectivo é integrar o Miño na cidade a través da zona do Carme para conseguir así unha cidade máis verde, máis sostible, máis integradora e moderna.

O novo párking da rúa Alcalde Francisco Lamas López, levarase a cabo nunha parcela de 529 m2, e contará con 16 prazas, das cales dúas serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida; mentres que o aparcamento que se situará entre as rúas Ramón Piñeiro e Ramón Beberide, construirase nunha parcela de 1.859 m2, e disporá de 53 prazas, incluíndo 5 adaptadas. Ambas parcelas atópanse actualmente sen uso, e serán habilitadas para o estacionamento público e gratuíto.

Os traballos incluirán a pavimentación do chan, a instalación dun sistema de drenaxe que evite a formación de charcos, a renovación da iluminación, a instalación de sinalización horizontal e vertical, e a colocación dos valos perimetrais que delimitarán os recintos.

O aparcadoiro de Alcalde Francisco Lamas López contará cun acceso peonil e un acceso para vehículos nos extremos opostos da fronte da parcela. Ademais, a existencia de construcións ao nivel actual de terras nos lindes norte e leste desta parcela, obrigará á realización dun muro de contención. A altura do muro será de 3 metros sobre a cimentación cun espesor de 40 cm.

Así mesmo, o aparcadoiro de Ramón Piñeiro, terá tamén dúas ramplas de acceso, unha peonil adaptada de 2 metros de ancho, e unha rampla de acceso de vehículos de 8 metros de ancho.

Aparcadoiros alternativos

O Goberno de Lara Méndez construíu ao longo do seu mandato nove aparcadoiros alternativos na cidade, creando preto de 600 prazas, 336 no aparcadoiro do HULA.

Audio

  • Lara Méndez, sobre á creación de dous aparcamentos alternativos nos barrios de A Residencia e Castiñeiro | Descargar mp3
Publicado en Novas conexións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *