O Goberno de Lara Méndez promove dúas catas arqueolóxicas no Carme para poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da zona

Os traballos, que se levarán a cabo en parcelas situadas fronte á igrexa do Carme e á Sala de Exposicions Porta Miñá, terán unha duración aproximada de 4 meses.

Lara Méndez: “Queremos afondar no coñecemento arqueolóxico da zona, pola que discorren as principais rutas históricas da cidade: a Vía XIX e o Camiño Primitivo”

Será a terceira ocasión na que se interveña este espazo, logo de que o servizo municipal de arqueoloxía realizara traballos previos nos anos 1994 e 2005.

O Goberno de Lara Méndez promoverá dúas catas arqueolóxicas no barrio do Carme co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico e cultural desta zona, situada á saída do recinto amurallado pola Porta Miñá. Así o avanzou a alcaldesa quen subliñou que “as actuacións previstas levaranse a cabo en dúas parcelas situadas fronte á igrexa do Carme e á Sala de Exposicións Porta Miñá, á beira da rúa do Carme e do Camiño Primitivo de Santiago”. Os traballos, que comezaron este luns, terán unha duración aproximada de catro meses.

Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo. “A súa finalidade é seguir afondado no coñecemento arqueolóxico desta zona, moi vencellada con dous dos principais camiños históricos da cidade: a Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo, e de gran interese arqueolóxico”, apuntou Lara Méndez.

As prospeccións realizaranse en dúas parcelas. Comezarase nunha primeira e, en función dos resultados, decidirase cara onde se encamiña a segunda cata. Será a terceira ocasión na que se interveña a zona, logo de que o servizo municipal de arqueoloxía realizara traballos neste espazo nos anos 1994 e 2005.

“Estas intervencións revelaron a existencia nesta zona dunha importante ocupación do espazo urbano durante os primeiros séculos de existencia da cidade, que durante a súa etapa baixoimperial puido ter acollido espazos de carácter funerario ou necrópoles, vencelladas ao decurso da vía romana á súa saída da cidade”, destacou a rexedora.

No ano 1994, o control arqueolóxico realizado na parte posterior da Sala de Exposicións, puxo ao descuberto un tramo da cloaca romana que discurre pola Porta Miñá, e para a que o executivo municipal está a traballar nun proxecto de posta en valor. Ao mesmo tempo, unha cata situada a altura do camiño, permitíu descubrir restos de muros relacionados coa cidade romana altoimperial.

No ano 2005, realizouse unha cata arqueolóxica nunha das parcelas próximas á Sala de Exposicións, como parte do proxecto europeo Vías Atlánticas, que deu como resultado o achado da continuación da cloaca romana descuberta con anterioridade, ben conservada baixo o pavimento de cantos dun tramo viario que identificamos co rueiro da cidade romana altoimperial e coincidente asemade coa traza da vía romana XIX que, seguindo o curso do decumanus maximus (unha das principias rúas da urbe romana), inicia na Porta Miñá o seu percorrido cara Bracara Augusta (Braga), en continuo descenso ata a ponte sobre o río Miño, por un traxecto que se mantivo ao longo da historia fosilizado nun vello camiño que recibe na actualidade o nome de Regueiro dos Hortos e Calzada da Ponte.

Xunto á calzada, tamén se documentou unha sepultura realizada con caixa de tégulas, que nos sitúa nun momento de ocupación xa tardío (ss. IV- V d.C.), testemuñando a posible existencia dunha área de necrópole nesta zona, xunto á vía romana.

De aí o interese na realización das novas sondaxes, que permitirán ampliar os resultados xa referidos, intentando coñecer mellor a traza da cidade romana altoimperial, investigar na relación da vía romana coa cidade e a muralla, e verificar si nos atopamos nun espazo de necrópole en época tardía, ao mesmo tempo que descubrir calquera outro indicio que permita un mellor coñecemento da cidade romana.

Neste senso, Lara Méndez, avanzou que “os resultados da intervención que poñemos en marcha permitirán avaliar a potencialidade dos restos xa que, de resultar relevantes, estudaremos a posibilidade de ampliar a área de intervención e planificar actuacións de futuro para dar a coñecer a súa existencia”.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as catas arqueolóxicas | Descargar mp3
Publicado en Posta en valor do patrimonio, Revitalización da Zona do Carme.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *