muramiñae lugo

O Ministerio de Fomento autoriza a pasarela peonil ao Miño que impulsa o Goberno a través do EDUSI

O Concello de Lugo vén de recibir o informe no que o Ministerio de Fomento autoriza a construción da pasarela peonil ao Miño que impulsa o Goberno local a través da estratexia DUSI financiada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) co fin de mellorar a comodidade e a seguridade do acceso ao río. A de Fomento é unha autorización preceptiva para poder acometer as obras, en tanto que afecta á estrada N-VI, de titularidade estatal. Tamén é obrigado o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, pendente despois de que requirira máis documentación sobre a visibilidade da pasarela dende o Camiño, así como axustes no deseño, uns traballos que está a realizar a empresa adxudicataria da redacción do proxecto técnico co fin de enviarllos ao departamento autonómico no menor tempo posible.

A construción da pasarela foi adxudicada en febreiro en 712.685€ á empresa Taboada e Ramos, co que unha vez que se obteñan os permisos poderanse iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo das obras da pasarela peonil ao río Miño é crear un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza o acceso dende o centro urbano á zona do río co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial. As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI de xeito que se reforce a permeabilidade transversal entre o casco histórico e unha das zonas máis deportivas, así como á zona de congresos da cidade. Esta pasarela terá un dos seus estribos na isleta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol, sendo este o único espazo posible de desembarco. O outro dos estribos localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.

A estratexia DUSI do Concello, Muramiñae, da Muralla ao Miño, ten como obxectivo integrar a cidade e o entorno fluvial, rompendo a discontinuidade urbana existente de norte a sur e de este a oeste. Cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado que conseguiu o Goberno de Lara Méndez levará consigo un investimento total de 12,5M€ en Lugo a través de distintas liñas de actuación, tanto de infraestruturas, como sociolaborais e relacionadas coas novas tecnoloxías.

Publicado en Entorno fluvial, Novas conexións y etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *