Lara Méndez anuncia o proxecto de mellora e humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX na zona do Carmen

A alcaldesa destaca a relevancia “para o conxunto do patrimonio lucense” e como “inicio da recuperación e transformación deste barrio que une o casco histórico co Miño”

Recuperaranse os camiños, muros e os elementos singulares e instalarase un sistema de iluminación con balizas respectuoso coa contorna, así como varandas e mobiliario urbano

Unirase o Camiño a través da Ronda do Carmen co primeiro paso de peóns iluminado da cidade, “para unha maior seguridade da veciñanza e dos peregrinos que o percorran”

Mellorarase toda a sinalética dos trazados e colocaranse paneis informativos, que contarán cunha placa en braille para axudar ás persoas con discapacidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o proxecto da posta en valor das vías oficiais do Camiño Primitivo, que é Patrimonio da Humanidade, e da Vía XIX, ao seu paso polo barrio do Carme. “Falamos de intervir nestas vías, que comunican a saída da Muralla coa Ponte Romana a través de Porta Miñá, unha das áreas protexidas e de maior beleza natural da nosa cidade, situada na contorna da Muralla”, sostivo.

“Este proxecto é moi relevante porque, ao marxe das intervencións máis puntuais que estamos a desenvolver, será a primeira acción que se materialice de gran envergadura das que estamos ultimando para transformar e recuperar o Carmen no marco da estratexia Muramiñae, o que suporá un antes e un despois para a zona”, comentou.

A rexedora considera esta actuación crave para o conxunto da historia, a cultura e o patrimonio lucense porque, lembrou, “neste barrio ao pé da igrexa do Carme transcorre a calzada romana Vía XIX do Itinerario de Antonino, en dirección a Iria Flavia e Braga, que eran capitais conventuais na época romana. Xa na época medieval pasaría sobre o acceso superposto a esta vía o Camiño Primitivo. E neste barrio, atopamos os terreos coñecidos como Regueiro das Hortas, un carreiro peonil que serve ás hortas do lugar e paseantes desde a muralla romana ao Miño, que foi propiedade da Catedral até o século XVIII, onde naceu no ano 832 San Froilán”.

Lara Méndez destacou a relevancia do proxecto, pensando tanto na propia veciñanza de Lugo, que poida gozar desta área con maior seguridade, como nos peregrinos que se acheguen á cidade, especialmente con vistas ao vindeiro Ano Santo. “Potenciando estas vías de comunicación entre o centro da cidade co Miño, fomentando o seu tránsito e mellorando a súa estética acorde coa traza histórica no que se atopan, tamén pretendemos que os propios usuarios dean valor e fomenten o coidado e conservación das mesmas”, comentou.

Debido a especial importancia dos trazados, que dependen das disposicións que marca a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e que se atopan no ámbito do Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal PERI-6 (Plan Especial de Reforma Interior), o proxecto é mínimamente invasivo e especialmente respectuoso coa contorna.

A rexedora anunciou que a intervención incluirá, ademais da recuperación dos camiños, unha serie de actuacións a fin de mellorar a seguridade de paso en puntos concretos do trazado, a dotación dun sistema de servizo de iluminación, a implantación de mobiliario urbano, a sinalización dos tramos así como mellora dos pavimentos, muros e outros elementos singulares do camiño.

ALCANCE DO PROXECTO

Actuacións de adecuación

Mantense a integridade dos camiños coas características propias de cada tramo en canto a pendentes, rasantes e elementos tradicionais, tanto construídos como naturais, pero rexenerarase e nivelarase o firme mediante a extensión e compactación de zahorra, cunha aplicación posterior dun pavimento terrizo de jabre para lograr unha óptima adecuación e unha maior seguridade.

  • Instalaranse varandas de madeira, a modo de protección, nos seguintes puntos: na confluencia do Camiño Primitivo e a Vía XIX (na Rúa do Carme) debido ao desnivel existente, na zona próxima ao Regueiro dos Hortos onde existe unha focha, tajea en Regueiro dos Hortos.
  • Repararase o muro de contención de terras, que é municipal,  onde deriva o Camiño Primitivo en Rúa do Carme, onde se separa a Vía XIX.
  • Recolocaranse os bloques pétreos que foron movidos na intersección do Camiño Primitivo con Rolda da Carmen, e que forman unha rampla de acceso cara a rolda.
  • Revestiranse as escaleiras que comunican a Vía XIX con Rolda da Carmen cun material pétreo antiescorregadizo, e dotaranse de varandas de madeira.

Actuación de iluminación das sendas

Os camiños carecen de iluminación artificial que permita o seu paso seguro en momentos de falta de luz natural, polo que os dotaremos de varias liñas de balizamento, evitando así a colocación de farolas, moito máis invasivas nesta área protexida.

Instalaranse un centenar de balizas de pequenas dimensións, de 24 cm de altura e 20 cm de diámetro, adaptables visualmente ás necesidades estéticas do Camiño, con acabado en aceiro cortén, colocadas a tresbolillo e distanciadas aproximadamente 10 metros.

Segundo sostivo Lara Méndez, “as vías con visibilidade terán un dobre efecto positivo respecto a súa utilización e aproveitamento; por unha banda, provocará que poidan ser utilizadas por un maior espectro de persoas dado que se incluirán aquelas con déficits na vista mentres que por, outra banda, aportamos unha maior seguridade”. 

Para a instalación da canalización eléctrica, realizarase unha gabia coas mínimas dimensións posibles en adecuación á normativa vixente e en función da posible aparición de restos arqueolóxicos.

En fase de execución de obra, e previo inicio aos traballos de movemento de terras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, contando cun arqueólogo a pé de obra que supervise os traballos.

Instalación de papeleiras

Colocaranse papeleiras de fundición nas zonas xa urbanizadas, en concreto no extremo máis meridional de Rúa do Carme, nas interseccións do Camiño Primitivo con Rolda da Carmen (norte e sur) e na intersección de Vía XIX con Rolda da Carmen.

A alcaldesa incidiu na necesidade de fomentar “a adecuada xestión de residuos por parte dos usuarios das vías, de maneira que a propia existencia destes colectores provoque a súa utilización e por tanto se incida positivamente no estado da contorna”.

Sinalización

Existe un importante déficit na sinalización do Camiño de Santiago e Vía XIX. En moitas zonas do trazado a sinalización está desfasada en canto a formato, noutras os sinais están claramente deterioradas ou son simplemente pintadas sobre chan ou paramentos mentres que nalgúns tramos concretos a sinalización é inexistente.

Por iso, procederase á colocar a  sinalización indispensable para indicar a continuidade do trazado do Camiño Primitivo e da Vía XIX, atendendo principalmente aos puntos de bifurcación. A señalética seguirá o manual de sinalización turística de Galicia.

Instalaranse, ademais, tres paneis informativos, unha mesa interpretativa de granito e catro fitos pétreos indicadores da Vía XIX, en consonancia con outros existentes na cidade. Os paneis informativos contarán cunha placa en braille e estarán situados en: Praza do Carmen, Regueiro das Hortas e na contorna das escaleiras que comunican a Vía XIX coa Ronda do Carmen.

Paso de peóns intelixente

Outra das actuacións a desenvolver, de forma complementaria a este proxecto, consistirá en unir o trazado do Camiño a través da Rolda do Carmen cun paso de peóns intelixente, o primeiro lumínico co que contará Lugo.

Esta acción non está incluída nesta intervención, pero si na construción da primeira sende verde ciclista da cidade, o carril bici de 14 quilómetros que unirá oito barrios da cidade e que comezará  executarse en breve.

A intervención de mellora, que irá á Xunta de Goberno Local o vindeiro mércores, conta cun orzamento de 280.000 euros e cun prazo de execución de dous meses.

O proxecto enmárcase na estratexia do Executivo de Lara Méndez DUSI Muramiñae, cofinanciada cos fondos europeos, cuxa finalidade é integrar o Miño na cidade a través do Carme e facer así unha cidade máis verde, máis sostible e máis integradora.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre as actuacións de mellora e humanización do Camiño Primitivo e a Vía XIX | Descargar mp3
Publicado en Revitalización da Zona do Carme.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *