O Goberno de Lara Méndez limpa as parcelas municipais do Carme e instala varandas para mellorar este espazo de lecer

Os traballos, vinculados co proxecto Muramiñae, optimizan a contorna e a calidade ambiental da zona tamén con accións no Camiño Primitivo e o Regueiro dos Hortos

A alcaldesa explicou que “continuamos os labores preto da Muralla, beneficiando a veciñanza, aos peregrinos e a toda a cidadanía xa que amplíamos ás areas de paseo”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu conta das obras efectuadas no barrio do Carme para mellorar o entorno e a calidade ambiental da zona, uns traballos que se enmarcan na estratexia europea DUSI Muramiñae. “Nos últimos meses procedeuse á roza e limpeza das vías públicas e parcelas municipais desta zona, incluíndo o Camiño Primitivo de Santiago e o Regueiro dos Hortos”, explicou a rexedora.

Os traballos comezaron no pasado mes de decembro e teñen unha periodicidade bimensual. Deste xeito, xa se levaron a cabo tres mantementos: en decembro-xaneiro, en marzo-abril e actualmente estanse a rematar os correspondentes aos meses de maio-xuño. Unha vez rematadas as labores de roza, procederase á recollida de lixo e limpeza da vía.

Así mesmo, Lara Méndez explicou que “ademais, vimos de instalar a pasada semana unha nova varanda de madeira nun tramo duns 40 metros da rúa Vicedo para aumentar a seguridade dos usuarios e usuarias desta vía”. Esta varanda colocouse ancorada a un muro de pedra para dar seguridade aos viandantes e evitar unha posible caída accidental, e conta con dúas cancelas de madeira que dan acceso a leiras.

“Con estes traballos continuamos a mellorar unha zona moi próxima á Muralla, pola que discorre o Camiño de Santiago, beneficiando tanto aos veciños e veciñas do Carme, como aos  peregrinos que nos visitan e ao conxunto da cidadanía pois, ao mesmo tempo, ampliamos as zonas de paseo do Concello para que os lucenses dispoñan de máis espazos verdes de ocio e lecer”, engadiu a alcaldesa.

As actuacións engádense ás xa efectuadas polo Goberno de Lara Méndez para eliminar a contaminación acuática, a degradación paisaxística e os malos olores neste barrio, coa instalación dun pozo de bombeo na rúa Vicedo, dentro da estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O obxectivo é integrar o Miño nacidade a través da zona do Carme para conseguir así unha cidade máis verde, máis sostible, máis integradora e moderna.

Publicado en Revitalización da Zona do Carme.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *